A nosa contorna e quen a habita produce de forma constante unha abundancia de vibracións que poderiamos considerar, en termos de acústica e espazo arquitectónico, como unha “expansión do espazo”. Dependendo da condición física deste e dos seus eventos, calquera lugar forma un patrón específico de vibracións, as cales poderían considerarse á súa vez como o “contexto” deste espazo, un acontecer de eventos (obxectos, accións e axentes) que se expresan na continuidade da existencia temporal e espacial. Espazo como sistema vibratorio.
O espazo ao mesmo tempo, revélase a través dos eventos vibratorios que xurden del, transformándose e asimilando outras dimensións.
Doutra banda, a percepción do espazo ou das forzas vibratorias que o habitan, en moitos casos implica fenómenos físicos, biolóxicos, sicolóxicos ou culturais. Xa sexa dun xeito cuantitativo ou cualitativo, na experiencia aural converxe unha polivalencia de eidos perceptivos. Utilizamos as propiedades do sinal para poder deducir as propiedades físicas dos corpos que xeran sonoridade. Calidades dos materiais, dimensións, formas; un proceso de asociacións que se apoia na nosa acumulación-construción de coñecemento ao longo das nosas vidas.
Os estudos aurales ou estudos de son (Sound Studies) é un campo recente de estudo e investigación multi inter- transdisciplinario que se ocupa principalmente da produción, contextualización, distribución e consumo do son e, sobre todo, do seu significado cultural (incluíndo a música, o ruído ou o “silencio”). Combina ou parte de diversas áreas como: historia, filosofía, socioloxía ou antropoloxía; musicoloxía, etnomusicoloxía, ou arte sonora; urbanismo, arquitectura, deseño, medios de comunicación, estudos culturais, ecoloxía, ciencia e tecnoloxía, acústica ou sicoacústica.
Os estudos aurales reaccionan de forma explícita contra a dominación visual na cultura occidental, suscitando unha necesidade de contextualización histórica e cultural da percepción auditiva, considerando a primacía do son como unha modalidade a explorar como parte da nosa existencia e nova vía de coñecemento.
En base a distintas aproximacións procedentes destes eidos de estudo e tomando como puntos de partida os elementos vibración, espazo e percepción, o obradoiro propón un achegamento e exploración a certas prácticas e traballos artísticos, mediante a realización de comentario de textos, audicións, prácticas ou acción específicas sobre a contorna de traballo e espazo público de Pontevedra.